Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Manifestación Atlántica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manifestación Atlántica. Amosar todas as publicacións

VIII DÍA LUGRÍS EN VILABOA E NA CORUÑA

O Colectivo Lugrisián In Nave Civitas e a Asociación Cultural O Mural organizan o 21 e o 23 de decembro o VIII día Lugrís.

Co gallo do 44 cabodano do pasamento do artista Urbano Lugrís González o colectivo lugrisián In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural celebrarán a vindeira semana o VIII día Lugrís.

O prólogo desta festa é a exposición de fotografía MAR DE MARÍA ANTONIA na cafetería Monty Ambigú, que comezou o 16 de nadal e na que o poeta e fotógrafo, Xosé Iglesias, amosa aos terrícolas a mirada que os mariñeiros teñen do golfo Ártabro.

As actividades comezarán o xoves 21 de nadal ás 19:00 horas cun recital poético aberto na cafetería Monty Ambigú arredor da dita exposición fotográfica.

O día grande será o sábado 23 de Nadal con actividades de mañá e de tarde. 

As 11:30 horas o colectivo, e todas aquelas persoas que queiran se sumar a eles, subirán ao autobús de liña cara a Rutis para participar na I Rota Lugrís por Vilaboa na que visitarán (arredor das 12:00 horas) os cadros da igrexa e os frescos das escolas parroquiais, obras (estás últimas) que non adoitan estar abertas ao público. Logo visitarán distintos lugares ligados á vida do pintor do mar e coñeceran testemuñas de primeira man do seu paso por Vilaboa.

Pola tarde, xa na Coruña, comezan os actos tradicionais, ás 18:00 horas, no Obelisco, coa pintada de paraugas con motivos da obra de Urbano Lugrís; para o que convidan ás/aos participantes a levar, chova ou non, os seus propios paraugas, pinturas e todo o seu enxeño.

Ás 19:00 horas, na rúa Olmos, 26, (entrada a oficina de Abanca) presentarase o folleto TRAS OS PASOS DE URBANO LUGRÍS. Unha guía polos principais fitos da cidade vencellados a vida e obra do pintor do mar. O folleto redactado polo colectivo ten ilustracións de Roberto Castro (que un ano máis tamén deseñou os carteis da convocatoria).

O folleto presentarase ao pe do mural de Urbano Lugrís para cuxa protección naceu esta festividade, neste primeiro ano no que goza da máxima protección do noso ordenamento xurídico: Ben de Interese Cultural.

Deseguido; todos os interesados comezarán a Manifestación Atlántica cos paraugas decorados, coas as súas mellores galas mareiras e todo a potencia da obra de Lugrís para descorrer polas cinco últimas etapas da rota: rúa Estrela, 10; rúa Mantelería; Santo André, 200; rúa Caramanchón (praza de Pontevedra) e a Coiraza. Ao carón do mar, realizarase o acostumado Rito Orzánico, para coller forzas de abondo para encarar o tempo até o vindeiro día Lugrís.

Todos os actos están abertos á participación cidadá, convidamos a todas as persoas interesadas a sumárense a celebrar a obra de Urbano Lugrís, o pintor do mar, unha festa á que cada ano acude máis xente.


Menos derrotismo e máis surrealismo!
Medre o Mar!


PROGRAMA:

21 de nadal de 2017

19:00 horas. Monty ambigú. Praza do papagaio, 2.

        Recital poético aberto co gallo da exposición fotográfica Mar de             María Antonia, de Xosé Iglesias


23 de nadal  de 2017

Mañá

11:30 horas. A Coruña. Parada Obelisco(Casino)

        Saída para Vilaboa no autobús de liña Asicasa.

12:00 horas. Diante da Igrexa de Rutis. Vilaboa.

        Rota Lugrís por Vilaboa.
        Visita aos frescos das escolas parroquiais
        Manifestación atlántica polos fitos lugrisiáns
        Inauguración dun mural lugrisián en Casa Rumbo
      
Tarde

18:00 horas. Obelisco.

    Gran pintada de paraugas con motivos lugrisiáns.

19:00 horas.  Ao pe do mural de Urbano Lugrís da oficina principal de Abanca da Coruña. Rúa Olmos, 26,

    Presentación do folleto “Tras os pasos de Urbano Lugrís”, unha rota         coruñesa.

19:30 horas. Saída da manifestación atlántica polas rúas da Coruña:

    Manifestación atlántica polas rúas da Coruña visitando cinco fitos     esenciais na vida e na obra do noso pintor.




O cartaz deste ano é do pintor coruñés Roberto Castro.



VII DÍA LUGRÍS


17 DE NADAL DE 2016

O vindeiro sábado, 17 de nadal, o colectivo In nave civitas e a asociación cultural O Mural organizan o VII Día Lugrís, data dedicada a lembrar a vida e obra do artista coruñés Urbano Lugrís González.

Os actos comezarán as 18:00 horas na praza de Pontevedra ao pé da estatua de Eusebio da Guarda coa inauguración dun grafiti no que vaise reproducir unha serigrafía do pintor titulada Marineda Soñada. O mural estáse a realizar nun lugar habilitado  para a ocasión no Instituto de Ensinanza Secundaria Eusebio da Garda.

A continuación dedicaremos un tempo para o tradicional obradoiro de paraugas no que decoraremos os nosos "parachuvias" con motivos marítimos e da obra de Lugrís.

A iso das 19:00 horas comezará a Manifestación Atlántica polas rúas da Pescaría con paradas para lembrar a vida e obra do escritor e pintor coruñés. A manifestación rematará na Coiraza onde realizaremos, se Poseidón nolo  permite, un avistamento de baleas e homes mariños.


O colectivo In nave civitas convida a toda a cidadanía a participar neste acto atavíado coas súas mellores galas mariñeiras e que porten, se as teñen, as súas buguinas, para acompañar a ruta.

Este ano acompañarán a marcha un cortexo de 6 bucios ataviados co uniforme de gala da Unión de Conserveiros de Galicia.  Algúns dos escafandros (elaborados pola artista Viki Rivadulla) pódense admirar na Libraría Sisargas (r/ San Roque, 7) até o propio 17/12/2016.

Dentro dos actos do día Lugrís a fotógrafa Pilar Silva, membro do colectivo In nave civitas, presenta a súa exposición Cosendo as ondas do mar. A exposición poderá desfrutarse na Buserana bar, praza de José Sellier, dende o venres 16 de decembro até o remate de xaneiro.



Manifestación Atlántica e Surrealista polas rúas da cidade barco co gallo do VI Día Lugrís, en honra ao pintor do mar Urbano Lugrís. Parada ante o antigo Vecchio para reivindicar o acceso á beleza e reclamar toda a obra de Lugrís como BIC (ben de interese cultural). Posterior recital poético na praza Sellier e cea Lugrisiá na Penela.

VI DÍA LUGRÍS (I) 


Música: Colectivo In Nave Civitas: Rapsodía Urbano Lugrís. Lenda Ártabra [Lúa Namoreira]. Moncho do Orzán e Xurxo Souto: Pau de punta. Fotos e Vídeo: Xurxo Gago.

VI DÍA LUGRÍS (II) 


O colectivo literario IN NAVE CIVITAS LUGRÍS celebrou o VI DÍA LUGRÍS, adicado o pintor e escritor Urbano Lugrís, figura sobranceira no surrealismo en Galicia. 19 decembro de 2015.

CEA LUGRISIÁ 


Cea Lugrisiá Organizada polo Colectivo In Nave Civitas e pola Asociación Cultural O Mural, o sabado 19 de de decembro de 2015 co gallo do VI DÍA LUGRÍS.

OCÉANO LUGRÍS 


No IES urbano Lugrís fixeron unha mostra permanente adicada ó pintor do mar que dá nome ó centro. Para a súa estrea convidaron aos nosos compañeiros de Malpica. Este é o recordo dun día moi moi especial :) 
Foto: Xurxo Gago 



O son da corna mariña pola rúa Real da Coruña pasou, na tardiña baixa do sábado 20, unha peculiar manifestación. As luminarias dos comercios despregaban toda a súa cegadora potencia de Nadal. E a clientela saía desconcertada ás portas, chamada polos sons dunha ducia de buguinas e unhas estrañas consignas. Berrabamos: "¡O sol pode brillar calquera noite!". E logo: "¡Sempre a barlovento; nunca a sotavento". E un pouco máis adiante: "¡Menos derrotismo; máis surrealismo!". E xa entrando na praza de María Pita: "¡Menos economía; máis poesía!". Achegóuseme un home: -Isto qué é, ¿unha manifestación dos de Alcoa?. -Non, señor. E unha manifestación surrealista. Faise unha homenaxe ao pintor coruñés Urbano Lugrís, que morreu un 23 de decembro de hai 41 anos. -Ah, vale!, dixo. E quedou medio pasmarote, ollando calado esa estraña agrupación humana.

Era o V Día Lugrís no que tiven a honra de participar. Convidado pola asociación "In nave civitas", esta celebración percorre as rúas coruñesas que foron máis amenas ao enorme pintor surrealista. No medio do percorrido entramos, como non, no Café Vecchio, onde unha xigantesca obra lugrisiá asombra e dignifica o lugar. Unha peza que, despois de anos de deterioro, loita agora por ser recoñecida como Ben de Interese cultural, grazas á teima da asociación O Mural.

Xurxo Souto, un dos artífices deste movemento de protesta creativa, surrealisa e oceánica, explicaba aos clientes do Vecchio -que se degoraban no seu lecer de tarde de sábado- o significado do mural e o significado tamén da nosa marcha. Mentres Moncho do Orzán, co acordeón e logo coa gaita, dirixía a súa "Rapsodia Lugrís" que entoaba a coro o grupo manifestante: "Urbano Lugrís, / quen pintou no mar / soños dun país!".

En 2008 tiven a oportunidade de editar un libro de Lugrís. O único libro de Lugrís. A obra que el quixera publicar en vida, pero que non chegara a completar. Titúlase Balada de los martes del norte e xunta poemas, contos e ensaios, en galego e castelán, recompilados e estudados pola profesora Olivia Rodríguez-Tudela. O libro foi tamén un dos protagonistas -xunto co recital de Manuel Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias- desta quinta edición do día Lugrís.

O combate pola cultura, polo surrealismo e pola liberdade oceánica non terá fin. Pois, como exclamou Xurxo Souto: "¡E de remate, que continúe!".
EDITOR E XORNALISTA
 
QUIQUE ALVARELLOS

Lugrís

Lugrís