Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Chamamentos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chamamentos. Amosar todas as publicacións


V DÍA LUGRÍS

20 DE NADAL DE 2014


17:00 A ARRIBADA DO GRAFITI
(Praza José Sellier)

Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá.

Seguido do tradicional

OBRADOIRO DE PARAUGAS PINTADOS
(Praza José Sellier)

Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.

(Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)


17:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL
(Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos)

Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña  seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.

18:30    RECREACIÓN DO INTRE NO QUE ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS COÑECEU A URBANO LUGRÍS.
(Xardin de San Carlos)

Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.
 
18:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL (continuación)
(Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)

Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.

19:30 A HABITACIÓN DO VELLO MARIÑO
(Monty Ambigú)

Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O'Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.

  
Todos os actos deste V día Lugrís son abertos.

 Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a  que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino. 
 
Benquerid@s mareantes!

Como todos os anos por estas datas o colectivo literario In nave civitas, a asociación cultural O Mural e a asociación de escritoras e escritores en lingua galega estamos organizando o Día Lugrís no que celebraremos na Coruña a pintura e a poesía de Urbano Lugrís.

Entre outros actos este ano queremos deixar para tod@s @s que pasen pola Coruña un grafiti cunha das obras do pintor do mar para o que xa temos todo preparado.

O mural estará na parede medianeira -hoxe baleira- de praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisán.

O custo orzamentado para este grafiti (artistas, pinturas, permisos, taxas, seguros, etc...) é de 1.200 €.

Os andamios non engordan o orzamento porque grazas a xestión de MAS arquitectura prestóunolos a empresa Desarrolla.

Queremos solicitar a vosa colaboración económica para poder levar adiante esta obra.

Podedes ingresar os cartos na seguinte conta corrente de ABANCA:



IBAN ES30 2080 3103 1430 0002 3625

Non hai unha cantidade mínima para a achega e para facilitar as cousas en breve os informaremos de algúns locais nos que disporemos de petos para recoller aportacións.

Tod@s aquel@s que contribuádes poderedes -se queredes- ver o voso nome ao pé do grafiti. Deixalo claro no concepto da transferencia ou nun sobre ao facer a achega nun dos petos.

Nas páxinas web de In nave Civitas (http://innavecivitaslugris.blogspot.com.es/) e  O Mural (http://www.omural.es/) publicaremos os cartos acadados e o destino que lles damos para que tod@s poidades comprobalo.

Como sabemos que tedes xenerosidade abonda e imos conseguir máis cartos dos precisos comprometémonos con vós a destinar o sobrante para a organización do VI día Lugrís (2015), máis concretamente para financiar novos grafitis lugrisáns o de inspiración mareira para a cidade da Coruña.

Grazas pola vosa colaboración e pregámosvos que difundades esta iniciativa para poder levar a cabo esta intervención cultural cidadá.
Medre o mar!



 Vista da Coruña,1830, de Urbano Lugrís.
(Trátase dun mural que o pintor do mar fixo nunha parede dun piso duns familiares seus en Madrid. Cando estes venderon o piso tiveron a sensibilidade e xenerosidade de doarlo e hoxe está no depósito do Museo de Belas Artes da Coruña. O 21.12.2013 despois do traballo necesario para poder exhibirlo ao público o Museo o presentará en sociedade por vez primeira dentro das actividades do IV día Lugrís. — en Museo De Belas Artes Da Coruña.)
O colectivo In Nave Civitas Lugrís e a asociación cultural O mural celebran o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria do Noso Señor Urbano Lugrís:

Programa:
(Aínda provisional en canto ás horas)

18:00-18:45 (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.

19:00-19:45: (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís "Vista da Coruñá 1830, de Urbano Lugrís" Que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.

20:00-21:00 (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña a praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns. Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.

21:00-22:00 (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artísitico na memria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.

Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!

Lugrís

Lugrís