Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Cartaz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cartaz. Amosar todas as publicacións
 
Meu gran Urbano, escríboche na badía de Muros a bordo dunha goleta cargada de esmeraldas. Somentes ti podes imaxinar a marabilla que fai o sol brincado de proa a popa. O capitán é un maltés de ollos garzos, barba saladina e un amuleto de nácar sobor do peito. É un home prevenido,  en Quios arrecadou corenta odres de viño brillador e temos festa decote (…) No mencer ergueremos áncoras rumbo a Amberes. ¡Ouh o pantrigo fresco, as vellas tabernas latexantes de acordeón, as tendas estrañas co seu dono de anteollos de cuncha! Mercareiche tódalas pezas de alquimista que atope. Gostaríame que viñeses comigo a contemplar as lizgairas fragatas beilando na badía...Sei que outros horizontes che entreteñen. En que navío andará agora a túa outa humanidade. Lémbrome de cando nos atopamos no porto de Nassau, navegabas entón nun cachemare de leve proa e arriscada vela. O cargamento de ron fixera a túa voz ronca e lonxana. Como queimaba o sol nas amplias praias de Xamaica. Foi alí onde coñecemos a Desdémona e a Niobe…

Velaí un dos textos máis fermosos que coñezo de toda a historia da literatura. Un fragmento da carta Gnómica que en 1959, escribiu Avilés de Taramancos ao seu amigo, o pintor Urbano Lugrís, habitantes excelsos desta cidade-barco.

Como todos os anos –menos derrotismo e máis surrealismo ! - este sábado celebraremos unha nova edición do Día Lugrís.

O colectivo literario In Nave Civitas xa ten todo disposto para que vostede se enrole na tripulación. Entre tanta luz submarina, a reivindicación. Seguimos reclamando protección e medios para restaurar o mural do mestre que campa no medio da Rúa Real, no interior do café Vecchio.

“Menos derrotismo e máis surrealismo”. O vindeiro sábado - o que pintou a Marola pintou a Mar toda !- V edición do Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.


SÁBADO, 20 DE DECEMBRO

17:00 A ARRIBADA DO GRAFITI (Praza José Sellier)  -  Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá.  Seguido do tradicional   OBRADOIRO DE PARAUGAS PINTADOS (Praza José Sellier) Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)

17:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos) Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.

18:30 RECREACIÓN DO INTRE NO QUE ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS COÑECEU A URBANO LUGRÍS. (Xardin de San Carlos) Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.

18:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio) Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.

20:30 A HABITACIÓN DO VELLO MARIÑO (Monty Ambigú) Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O'Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.

Todos os actos deste V día Lugrís son abertos.

Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.

Máis información:
http://www.aelg.org/
http://innavecivitaslugris.blogspot.com.es/
http://www.omural.es/


Info by:
Biblioteca Central Rialeda. Concello de Oleiros
http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/bibliotecas/biblio/rialeda-perillo
 
O IV Día Lugrís comezará no Adro do Museo de Belas Artes da Coruña ás 18:00 horas. 
18:00-18:45 (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.

19:00-19:45: (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís "Vista da Coruñá 1830, de Urbano Lugrís" Que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.

20:00-21:00 (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña a praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns. Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.

21:00-22:00 (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artísitico na memria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.

Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.
Medre o mar!

Lugrís

Lugrís