Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís

VIII DÍA LUGRÍS EN VILABOA E NA CORUÑA


VIII DÍA LUGRÍS EN VILABOA E NA CORUÑA

O Colectivo Lugrisián In Nave Civitas e a Asociación Cultural O Mural organizan o 21 e o 23 de decembro o VIII día Lugrís.

Co gallo do 44 cabodano do pasamento do artista Urbano Lugrís González o colectivo lugrisián In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural celebrarán a vindeira semana o VIII día Lugrís.

O prólogo desta festa é a exposición de fotografía MAR DE MARÍA ANTONIA na cafetería Monty Ambigú, que comezou o 16 de nadal e na que o poeta e fotógrafo, Xosé Iglesias, amosa aos terrícolas a mirada que os mariñeiros teñen do golfo Ártabro.

As actividades comezarán o xoves 21 de nadal ás 19:00 horas cun recital poético aberto na cafetería Monty Ambigú arredor da dita exposición fotográfica.

O día grande será o sábado 23 de Nadal con actividades de mañá e de tarde. 

As 11:30 horas o colectivo, e todas aquelas persoas que queiran se sumar a eles, subirán ao autobús de liña cara a Rutis para participar na I Rota Lugrís por Vilaboa na que visitarán (arredor das 12:00 horas) os cadros da igrexa e os frescos das escolas parroquiais, obras (estás últimas) que non adoitan estar abertas ao público. Logo visitarán distintos lugares ligados á vida do pintor do mar e coñeceran testemuñas de primeira man do seu paso por Vilaboa.

Pola tarde, xa na Coruña, comezan os actos tradicionais, ás 18:00 horas, no Obelisco, coa pintada de paraugas con motivos da obra de Urbano Lugrís; para o que convidan ás/aos participantes a levar, chova ou non, os seus propios paraugas, pinturas e todo o seu enxeño.

Ás 19:00 horas, na rúa Olmos, 26, (entrada a oficina de Abanca) presentarase o folleto TRAS OS PASOS DE URBANO LUGRÍS. Unha guía polos principais fitos da cidade vencellados a vida e obra do pintor do mar. O folleto redactado polo colectivo ten ilustracións de Roberto Castro (que un ano máis tamén deseñou os carteis da convocatoria).

O folleto presentarase ao pe do mural de Urbano Lugrís para cuxa protección naceu esta festividade, neste primeiro ano no que goza da máxima protección do noso ordenamento xurídico: Ben de Interese Cultural.

Deseguido; todos os interesados comezarán a Manifestación Atlántica cos paraugas decorados, coas as súas mellores galas mareiras e todo a potencia da obra de Lugrís para descorrer polas cinco últimas etapas da rota: rúa Estrela, 10; rúa Mantelería; Santo André, 200; rúa Caramanchón (praza de Pontevedra) e a Coiraza. Ao carón do mar, realizarase o acostumado Rito Orzánico, para coller forzas de abondo para encarar o tempo até o vindeiro día Lugrís.

Todos os actos están abertos á participación cidadá, convidamos a todas as persoas interesadas a sumárense a celebrar a obra de Urbano Lugrís, o pintor do mar, unha festa á que cada ano acude máis xente.


Menos derrotismo e máis surrealismo!
Medre o Mar!


PROGRAMA:

21 de nadal de 2017

19:00 horas. Monty ambigú. Praza do papagaio, 2.

        Recital poético aberto co gallo da exposición fotográfica Mar de             María Antonia, de Xosé Iglesias


23 de nadal  de 2017

Mañá

11:30 horas. A Coruña. Parada Obelisco(Casino)

        Saída para Vilaboa no autobús de liña Asicasa.

12:00 horas. Diante da Igrexa de Rutis. Vilaboa.

        Rota Lugrís por Vilaboa.
        Visita aos frescos das escolas parroquiais
        Manifestación atlántica polos fitos lugrisiáns
        Inauguración dun mural lugrisián en Casa Rumbo
      
Tarde

18:00 horas. Obelisco.

    Gran pintada de paraugas con motivos lugrisiáns.

19:00 horas.  Ao pe do mural de Urbano Lugrís da oficina principal de Abanca da Coruña. Rúa Olmos, 26,

    Presentación do folleto “Tras os pasos de Urbano Lugrís”, unha rota         coruñesa.

19:30 horas. Saída da manifestación atlántica polas rúas da Coruña:

    Manifestación atlántica polas rúas da Coruña visitando cinco fitos     esenciais na vida e na obra do noso pintor.

0 comentarios :

Publicar un comentario

Lugrís

Lugrís